30/6/16

Bo verán!!!

  Velaquí unha guía de lecturas para o verán preparada polo Ceip Virxe do Carme. Para E. Infantil e Primaria; en galego, castelán e inglés. Nela hai libros publicados xa hai uns anos e outros que son novidades que acaban de saír ao mercado. Pincha no enlace seguinte:http://es.calameo.com/read/003266612f90f76ccb07c

No verán un libro na man

21/6/16

Coñecendo o Judo..

O venres 17 rematamos as xornadas de deporte escolar coa visita dun grupo de mestres de Judo que deron a coñecer esta modalidade ao alumnado de 1º e 2º de Primaria...








Orientación no colexio

O pasado xoves o alumnado de 6º de Primaria puido experimentar un ano máis a modalidade deportiva de orientación.
Actividade moi interesante e motivadora. Agradecemos a Asociación Deportiva Limiactiva que se brindara para a organización desta xornada que sen dúbida nos encantaría repetir nos vindeiros cursos.






18/6/16

E... graduación dos de Infantil

 

Con demasiadas bágoas e moitas emocións

Recollo esta testemuña á que tiven acceso e que compartimos
"Un aplauso con maiúsculas ás compañeiras de Infantil polo sentimento e o inmenso traballo que levaron para facer posible que o día de hoxe fose especial en cada familia... Como compañeira e como nai estoy orgullosa de formar parte de todo isto." (Mari)

Parabéns!!! Perdoade que non conseguira máis fotos.

17/6/16

Os de 3º por Vigo: Zoo, Samil, Vitrasa...

Hoxe venres, 17 de xuño o alumnado de 3º pasamos a xornada por Vigo. Coa sorte de gozar dun espléndido día (dinnos que por Xinzo choveu bastante e nós non só non vimos chover en Vigo, senón que tivemos sol...) pasámolo xenial no zoo, en Samil (mágoa de non ter máis tempo para probar a auga), no autobús turístico de Vitrasa e despois nas súas instalacións. Moitísimas grazas ao limián Juan Carlos Villarino Castillo, Director Xeral da compañía, que nos acompañou e aos traballadores que nos posibilitaron coñecer as instalacións e probar o andarmos nun autobús híbrido, nun modelo de 1968 e nos últimos modelos que está estreando a compañía. Ah! e moitas grazas ó noso Director que fixo de guía no bus turístico aprendéndonos moitas cousas da mariña. (Este home sabe de todo!!!)

O alumnado de 4º en correos

Onte, xoves, 16 de xuño o alumnado de 4º estivo en correos, aquí ó lado... Moitas grazas, Ramón e a todo o persoal de correos que forman parte da nosa comunidade educadora.

15/6/16

Galego atletismo

Exitoso campionato galego de atletismo no Barco de Valdeorras. Boas sensacións, boas actitudes e bos resultados....Ata o ano que ven!!!


6/6/16

Participamos na festa de voz natura

Este sábado pasado, día 4 de xuño, medio centenar do noso alumnado de infantil, 1º, 2º, 3º, 4, 5º e 6º de primaria, acompañados por catro adultos, pasamos a xornada no parque deportivo Acea de Ama, no municipio de Culleredo, a 6 km. da Coruña. 
Coa novidade de facer o percorrido completando unha xincana e gozando dun fermoso día, de encontros con outra xente, de compartirmos as aprendizaxes que puidemos ver na exposición... xusto no día anterior ó Día Mundial do medio ambiente celebramos o punto e final desta 19 edición e quedamos convocados para participarmos o vindeiro curso na vixésima.
Aquí vos deixamos unhas cantas imaxes...
  

1/6/16

Visitamos "O Rexo"


O alumnado de 5º de Ed. infantil pasaron unha estupenda xornada de excursión. 
Primeiro visitaron a hípica de Allariz e despois o Rexo ( eco espazo, aula de educación ambiental, ovellas e queixería)

Voz Natura. Preparando a festa final

O vindeiro sábado, 4 de xuño, participaremos na festa de Voz Natura en Culleredo (A Coruña). Alumnado de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. Alumnado que conseguiu os retos de lectura, axudantes da biblioteca escolar, os mellores lectores segundo o contador do Meiga, participantes no programa de Voz Natura.
Este é o cartaz que enviamos para achegar o noso granciño de area. 
Entra aquí se queres ver o "Programa de actividades"
E se queredes máis información e mesmo ver as fotos do ano pasado velaquí tedes outro enlace:
http://www.voznatura.com/fiesta/index.php?idseccion=11

30/5/16

Aprendendo historia con Miro




Este luns, 29 de maio, tivemos con nós a Edelmiro Martínez Cerredelo, que recentemente ven de presentar o seu novo libro, sobre o noso pobo " Xinzo de Limia na Memoria". Nas vísperas de que os de 6º se vaian a Asturias, 4 días, hoxe tocou aprendermos algo de historia, contada por unha persoa que se ten adicado a documentarnos co seu traballo sobre a historia de Xinzo e a comarca. Moitas grazas, Miro.

27/5/16

Celanova, Lodoselo, As Corcerizas, Santiago...

Unha semana moi movida: Alumnado de 6º en Celanova. Visittaron o mosteiro de San Rosendo e a casa de Curros Enríquez e participaron nun concerto didáctico de órgano, acompañados pola profesora Marisol Mendive, profesora de órgano no Conservatorio de Ourense. Interpretaron unha peza tradicional galega " o vlas dos vellos", o Fortuna de K. Orff e a herba de namorar (outra peza tradicional). Velaquí a mostra dunha delas

Os de 1º de primaria nas Corcerizas, o equipamento de Amigos da Terra (en Arnuíde)


 

 

Os de Infantil de 3 anos e os de 3º de Primaria no Pobo escola (Lodoselo) parando antes en Piñeira Seca para ver as instalacións da Patacas Fritas Guays e á volta na parcela da SGHN





Neste enlace podedes ver moitas fotos deste día 

Os de 5º por Santiago: visitaron o Parlamento, as cubertas da catedral e a cidade da cultura. Aquí visitaron a exposición CON-FÍO e tamén realizaron un obradoiro.



25/5/16

Provincial atletismo

Despois da xornada comarcal na Moreira e as 3 xornadas de previas celebradas o 9, 23 de abril e7 de maio en Monterrei, o pasado sábado 21 desenvolveuse a fase final provincial escolar de atletismo. Coma sempre a participación do alumnado do Rosalía así como doutros atletas da Limia foi moi importante, chegando a superar a trintena.
Foron 4 xornadas de nervios e diversión nas que se viviron experiencias novas tanto para nós coma para os rapaces e rapazas.
Sen dúbida modalidade a seguir practicando ao longo dos vindeiros anos.

23/5/16

Celebrando a Manuel María

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
                      


O pasado venres, 20 de maio, celebramos especialmente ó autor a quen este ano se lle adicou o Día das Letras. O alumnado de 6º coas frautas e o profe de música co piano, a lectura dun manifesto por parte de Anxela e Carlos e a cantiga que entre tod@s cantamos do poema do barco ( que tan ben musicara Suso Bahamonde) foi o que fixemos no ximnasio. 
Despois por niveis xogamos a partires dun trivial que tamén preparou o equipo de Dinamización de Galego e os de infantil puxéronlle a nota de cor ó Mimí. Parabéns a tod@s, especialmente ó equipo organizador.   

Maletas didácticas polo centenario de Camilo José Cela

O 11 de maio de 1916 nacía en Iria Flavia Camilo José Cela:
“A las nueve y veinte de la noche del día 11 de mayo de 1916, jueves, vine a este valle de lágrimas en la casa del paso a nivel de Iria Flavia, ayuntamiento de Padrón, diócesis de Santiago de Compostela, provincia de La Coruña, banda de estribor de la ría de Arosa, allá donde se encuentran los ríos Sar y Ulla” (La rosa, 1959).
Por este motivo, a Fundación Pública Gallega Camilo José Cela preparou algunhas actividades especiais; unha delas o das maletas didácticas tivémola no Centro ata o 20 de maio. E o alumnado de 4º en plena actividade cos materiais das valixas. 

19/5/16

Goooooooooooool!!

Despois das dúas xornadas comarcais de fútbol sala celebradas en Xinzo os días 27 e 28 de abril, o pasado sábado varios nenos do Rosalía asistiron á fase final do campionato provincial escolar de fútbol sala que se desenvolveu no pavillón dos Remedios.
Un ano máis a experiencia foi positiva e os resultados espectaculares acadando o 1º posto alevín e o 2º benxamín.
Noraboa rapaces!!!

18/5/16

Cé Orquestra pantasma

Tivemos nesta semana das letras galegas con nós, o mércores 18, a "Cé Orquestra pantasma". Cé orquestra pantasma é César, un músico autodidacta apaixoado dos instrumentos musicais con quen gozamos escoitándoo, cantando e bailando, aprendendo cantigas (poemas de Manuel María; tamén de Rosalía). Este artista que meteu a alumnado e profesorado no peto comezou a súa andaina musical ós oito anos dentro da música tradicional e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da música popular.
Aquí vos deixo o enlace á súa web  http://www.ceorquestrapantasma.com/  
E agora, velaquí a montaxe coas fotos do ben que o pasamos nesta festa - actuación. Parabéns a tod@s e especialmente a César polo seu ben facer.

12/5/16

Teatriño organizado polas axudantas da biblioteca

Tiñamos pendente de subir as fotos da actividade que prepararon -xa no mes de abril, con motivo do día do libro e este ano do IV centenario da morte de Cervantes- algunhas das persoas que conforman este curso o equipo de axudantes da biblioteca escolar. Adaptaron o capítulo de "El quijote" que nos representaron como " A aventura dos muíños". Parabéns, artistazas!!!