20/12/15

O Boletín da biblioteca

Entregamos un exemplar a todo ó alumnado. É o noso boletín nº 8. 



Festival de Nadal 2015

O pasado venres, 18 de decembro celebramos o Festival de Nadal 2015. Artistazos e artistazas pasaron polo escenario para amosarnos todo o traballo que levaban preparando dende hai días. O noso recoñecemento e agradecemento vai para todos e todas eles e tamén para o profesorado que preparou estas marabillosas actuacións. Toda a Comunidade Escolar tivo a oportunidade de asistir ao evento o día anterior, xoves. Pero por se non puideches ir, aqui tedes un vídeo co mellor do que alí sucedeu... Parabéns de novo e a desfrutar!

10/12/15

Espantallo amigo e Neira Vilas




    O alumnado de 3º e 4º de primaria traballamos este primeiro trimestre co libro de Xosé Neira Vilas "Espantallo amigo" porque tiñamos programado ir ver a obra de teatro con este mesmo título de "Os quinquilláns". O día 9 de decembro era o día sinalado e fomos ata a Casa de Cultura; tamén estaba o alumnado do segundo ciclo do Ceip Carlos Casares. E si, alí estaba, porque para coidar cada figo naceu o Espantallo amigo.
 O que non contabamos era que neste tempo nos deixara o noso admirado Xosé Neira Vilas. Hoxe lembrámolo dunha maneira especial como tamén o fixemos -cando finou- indo aula por aula a lerlles aos compañeir@s o alumnado de 3º A (aula Neira Vilas)  

"Eu son...  Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña" ...

Ti tamén contas

 
Comezamos con este espazo: algunhas familias preparan un conto para ler ou contar ó alumnado do Ceip. Compartimos o gusto por ler: familias, mestr@s, alumnado. E a Biblioteca tamén é "a catedral da alma, da mente, parque temático da imaxinación". Moitas grazas, Laura -que participou o 4 de decembro- e moitas grazas a todas as familias que se anotaron e xa están, algunhas a preparar o conto, outras, esperando para vir.

2/12/15

Contra a violencia de xénero

Poñemos aquí unha mostra das actividades que ao redor desta data levamos a cabo: obradoiros coa participación do CIX da Limia (CDR "O Viso"), Cruz Vermella e CIM de Xinzo e actividade central no patio.

26/11/15

Materiais das VI Xornadas de B.E.


  
 Xa volo contamos, participamos nas VI XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA.


   Un ano máis a Asesoría de Bibliotecas Escolares e o CAFI, tanto na organización como na selección de ponentes fixeron un traballo impecable e, a pesares de que pode resultar cansado rematar a semana na escola un venres e saír  para Santiago, pagou a pena.

   Aquí tedes o enlace a todas as presentacións  das xornadas:
http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=24

24/11/15

Día Internacional contra a violencia de xénero

Con motivo da celebración do Día Internacional contra a violencia de xénero esta semana temos distintos actos no Ceip para concienciarnos desta grave problemática. Así, hoxe martes, está o alumnado de 6º realizando un obradoiro que prepararon desde o CIX da Limia (CDR O Viso), o CIM (Centro de Información á muller, Concello de Xinzo). e, nas aulas estamos preparando o acto que faremos tod@s o venres e que consistirá:
1.- Na lectura dun manifesto en contra da dita violencia  (Pódelo ler aquí abaixo)
2.- En gardar un minuto de silencio en memoria da vítimas
3.- Na elaboración dun mural que recolla as pegadas dans mans pintadas; unha por cada muller falecida.
4.- En cantarmos tod@s xuntos "Que nadie calle tu verdad"  de Manuel Carrasco e Malú.


MANIFESTO
Neste día tan especial, conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e a Comunidade  Educativa do Colexio Rosalía de Castro  comprometémonos a traballar por unha educación igualitaria e non sexista co seguinte manifesto:
- Todos e todas, homes e mulleres, nenos e nenas, temos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas.
- Debemos resolver os nosos problemas con diálogo. O uso da violencia é inútil e só lleva a máis violencia.
     - Debemos respetar e tolerar ás persoas sen ter en conta o seu xénero.
- Ningunha persoa é dona de ninguén nin escrava de ninguén.
- Non se debe utilizar a forza contra os máis débiles.
- Non debemos de ameazar para conseguir aquelo que queremos.
-  Debemos respetar ás persoas no uso da súa palabra.
-  Ninguén ten dereito a agredir, todos  e todas somos iguais e facelo é un feito inxusto.
-  Todos e todas somos iguais, non se debe permitir que ninguén maltrate ás mulleres, polo feito de selo.
- A violencia de xénero é una loucura, os homes non deben de crerse superiores ás mulleres, todos e todas somos iguais.
 - É intolerable pechar os ollos ante os casos de violencia de xénero en casa, na escola ou na rúa.
- Solidarizámonos coas mulleres que sofren este tipo de maltrato, todos e todas deberíamos poñer os medios necesarios para evitar que sucedan estas desagradables accións.
-  Estes feitos son negativos, e afectan de cheo, non só ás mulleres que o sofren, senón a toda una sociedade que o coñece  e o consinte.

Para eliminar a Violencia de Xénero pensamos que:
- O  diálogo e o debate son o vehículo idóneo para sensibilizar a toda a sociedade sobre este grave problema.
- A educación debe recorrer un largo camiño para formar a homes e mulleres na tolerancia e o respeto.
-  Un comportamento tolerante significa comprensión, recoñecemento, consideración e respeto ante posturas distintas ás nosas.
-  Debemos  demostrar Tolerancia Cero con todas aquelas condutas ou manifestacións que supoñan violencia de xénero.
-  Para conseguir unha ensinanza xusta e igualitaria, é necesario reforzar a formación de toda a comunidade educativa.
- O  nsoso cole será un espazo educativo de Tolerancia Cero contra todas estas situacións.
NON  Á VIOLENCIA.

SI Á TOLERANCIA, Á IGUALDADE E Á DIGNIDADE.

22/11/15

Participamos nas VI xornadas de Bibliotecas escolares

   O pasado venres 20 e sábado 21 de novembro unha representación do Equipo Dinamizador da Charca dos libros participamos en Compostela nas VI XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA; unha actividade de formación permanente do profesorado, organizada conxuntamente pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de bibliotecas escolares, e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (a través do CAFI). Participamos preto dun milleiro de profesoras e profesores de toda Galicia; máis de 900 pero algúns menos que en anos anteriores, que pasamos dos mil.  
O programa contemplou un bo feixe de experiencias de bibliotecas escolares galegas que funcionan como "bases de exploracións", en alusión ao lema da campaña de bibliotecas escolares deste curso 2015/2016, así como experiencias de traballos por proxectos coordinados por distintas bibliotecas escolares. Acudiron, Carlos MagroXurxo MariñoGuadalupe JoverFelicidad Campal, Rosa Piquín e Ana Siro , expert@s de distintos ámbitos que nos fixeron partícipes dos seus moitos coñecementos e nos deron pistas sobre os novos retos que debemos enfrontar as bibliotecas escolares e os centros escolares, para facilitar a adquisición das competencias clave por parte do alumnado, tendo nas bibliotecas escolares o gran aliado. 
En breve poñeremos aquí o enlace para que aquelas persoas que queiran poidan acceder ós documentos gravados nestas xornadas.

Carreiras no Guillelme Brown

Sábado de carreiras no colexio Guillelme Brown en Ourense...E coma sempre, participación de rapaces e rapazas do Rosalía.
Son uns campeóns.




1ª Xornada comarcal de campo a través

O pasado martes 17 de novembro 87 rapaces e rapazas do Rosalía participaron na primeira carreira comarcal de campo a través celebrada na Moreira. Os vinte primeiros clasificados/as en cada categoría terán a posibilidade de correr na 2ª xornada que se organizará para o mes de xaneiro.

Aquí deixamos unha breve mostra do sucedido.
Destacar a gran participación, o esforzo e as boas actitudes do noso alumnado.



17/11/15

Imos de andaina!

O alumnado de quinto e sexto de educación primaria fixeron o pasado venres 13 de novembro a primeira andaina do curso escolar. Sairon do Mosteiro de Trandeiras cara a Torre de Pena e voltaron ao punto de saída nun roteiro circular para desfrutar alí dun gran magosto onde non faltou nin a empanada, nin os bolos preñaos, nin...por suposto... as castañas. 
Subidas, pendentes, camiños polo monte...nada puido deter ao noso intrépido alumnado que encararon todos estes atrancos con moi boa disposición e un gran sorriso. Agradecer especialmente a Ricardo Sieiro pola planificación e as fotos desta xornada e a Agrupación Local de Protección Civil de Xinzo de Limia que alí estiveron para facer dos nosos "anxos da garda" e para ter todo preparado cando con máis fame chegamos.... Así da gusto!!!

14/11/15

Magosto no Ceip e no Mosteiro de Trandeiras

   A xornada do venres 13 foi un tanto especial. Se o curso pasado non fixeramos o magosto porque un día choveu e o outro tamén... este ano o día foi espectacular: sol, boa temperatura (non había máis que pedirlle ó día). O outro puxémolo nós: Antonio co tixolo, o lume e as castañas; infantil e 1º, 2º, 3º e 4º de primaria, xogando un bo anaco da mañá (cadeiras, pano, sacos, brilé, ra, tira-soga); os de 5º e 6º facendo unha andaina desde o Bon Xesús de Trandeiras ata a torre de Pena e volta ó Mosteiro para comer o magosto nun entorno tan especial; e no cole tampouco faltaron os bolos preñados, empanada, a bica e as castañas. Nin as ganas de pasalo fenomenal.

6/11/15

Día mundial dos coidador@s





O 5 de novembro de 2014 celebrouse -que saibamos- o día mundial do coidador/a. Por iso, nesta data, 5 de novembro queremos poñer aquí a imaxe da coidadora do Ceip Rosalía: A Luz de Trasmiras. Parabéns!!!

4/11/15

"Nana para un soldado"

		    «Nana para un soldado», Teatro dos Ghazafelhos en Ourense

   Este mércores 4 de novembro o alumnado de 3º e 4º de primaria pasamos a xornada en Ourense. Primeiro no Auditorio gozamos dunha actividade promovida pola Afundación "nana para un soldado" teatro dos Ghazafelhos, xunto a outros escolares da provincia. Despois os de 3º cun guía (moitas grazas José Ramón)  visitamos a zona histórica de Ourense (catedral, praza maior, burgas...) e os de 4º con outro bo limiao (moitas grazas José Manuel) visitaron o parque botánico de Ourense, en Montalegre. 

3/11/15

Día da Ciencia en galego

       

Poñemos aquí esta actividade LIM que elaborou o departamento de TIC do CEIP Alexandre Bóveda para traballar sobre a figura de Ángeles Alvariño nestes días que conmemoramos o Día da Ciencia en Galego. 
Se pinchades neste enlace, poderemos aprender moitas cousas dela.



http://www.edu.xunta.es/centros/ceipalexandreboveda/node/442

29/10/15

SAMHAIM, o ano novo celta e o antecedente do Halloween



Unha pequena mostra dos traballos que, con motivo do Samaín, se realizaron pola comunidade educativa do noso Centro. Parabéns polo traballo e a gozar das festas!!!




     


 



27/10/15

Manual ecolóxico para agricultor@s inquedos


Compartimos esta xoia que nos achegou o Blog Maestro de Voz Natura. É un ” Manual ecológico para agricultores inquietos“, editado polo Colexio Público José de Escandón e a AMPA do centro e financiado pola Consejería de Medio Ambiente de Cantabria.
O libro é un manual para os mestres que recolle a programación, contidos e actividades ao longo do curso escolar arredor do horto escolar e desde unha perspectiva  de agricultura ecolóxica. A calidade dos materiais parécennos excelente.

Captura de pantalla 2015-10-27 a las 9.07.37

26/10/15

No Samaín traballamos este sentimento

O medo
Cando o corvo da noite se pousaba
nas derradeitas luces do solpor,
os meus ollos de neno
enchíanse de bágoas e de lóstregos.
O vento que fungaba nas vereas
era un home langrán envolto en brétema
cun fol ó lombo pra levar meniños. 
Os albres semellaban
pantasmas de cabalos desbocados
agallopando os eidos.
Un medo que me viña das
raíces do mundo
tremíame no sangue.
Pasaba o xornaleiro asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada,
i eu tiña medo.
Pasaba o cazador
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas
i eu tiña medo.
Pasaban de ruada os fortes mozos
que voltaran da guerra tan contentes,
i eu tiña medo.
Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
 i eu tiña medo
Soio cando chegaba ós meus ouvidos
a doce voz de mel da miña vella,
xa non tiña medo.
Agora non comprendo
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel,
(nos eus ollos azures
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

O soño sulagado, Celso Emilio Ferreiro

23/10/15

O monte é vida


   Estamos acabando de preparar o espazo para poñer esta exposición da Sociedade Galega de Historia Natural... Así que mirade os días, horarios e pasade a vela cando poidades. As clases xa teñen asignada unhas horas cada semana para a biblioteca; nas horas dos recreos tamén está aberta e o resto da comunidade educativa ten a posibilidade de vir polas tardes de 15.15 a 17h.  

16/10/15

"Abraço ao Rio Lima" Poemas

quinta-feira, 15 de outubro de 2015

RIO LIMA

Em Xinzo do Limia nasce
Um rio sem igual
É o rio mais lindo
Que passa em Portugal!

A vila de Ponte de Lima
É a mais bela de Portugal
Nela corre o rio Lima
Como ele não há igual!

Hoje vou ao rio Lima
Vou nele nadar
Na sua água cristalina
Me vou refrescar.