28/10/13

Estamos no Samaín !!!

Aquí tedes un listado de enlaces onde podedes atopar un montón de cousas relacionadas con esta temática. 

RECURSOS SAMAÍN

https://www.facebook.com/l.php?u=https%3A%2F%2Fdl.dropboxusercontent.com%2Fu%2F31356478%2FSama%25C3%25ADn%25202%2Fo_samain.html&h=4AQFilzG_

Decoramos cabazas na rede

Unidades didácticas

O samaín en vieiros da escola

Modelos para colorear

Vídeos en youtube


A ver se vos gusta esta historia de medo....
http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=Qu5tZ4vdvmM


24/10/13

BENVIDAS e BENVIDOS á ... BIBLIOCHARCA!!!

Dende o 30 de Setembro, as portas da biblioteca están abertas para tod@s neste novo curso escolar! Comezamos as actividades da biblioteca: selección e formación de axudantes para este curso, empréstitos, mochilas viaxeiras, entrega de carnés ó novo alumnado e profesorado...
Lembrade que ó longo do mes de Outubro, celebramos o mes da Biblioteca escolar (xa que é o 24 o día internacional das B.E.), cuns xogos de pistas e outras actividades (contacontos...).
Coma sempre, esperamos que a biblioteca sexa un dos vosos lugares favoritos e que os libros continúen a ser os vosos mellores amigos. Ah! Non esquezades escribir suxestións a Papacontos no buzón que atoparedes á entrada da biblioteca.

                                                     O CLARO DO BOSQUE
Erase unha vez un grupo de nenos aventureiros que escaparon do Castelo da Ignorancia tan rápido como o permitían os seus pés. A noite véuselles encima, cos seus sons aterradores e as súas misteriosas formas fantasmagóricas, e acháronse no medio dun bosque escuro. Ao non poder ver cara a onde ían, abrazáronse para darse calor e protección e así permaneceron ata o amencer. Cando saíu o sol, os nenos viron con sorpresa que se atopaban nun claro do que partían tantos carreiros, en direccións diferentes, que case era imposible contalos. Os carreiros tiñan curvas e recovecos de forma que non podían saber o que había ao final, soamente podían imaxinalo.
- Eu irei por este lado —dixo un raparigo, e tomou un dos carreiros. Pronto chegou a unha cidade medieval de altas murallas e gallardetes ao vento. Atravesou valerosamente a súa gran porta de entrada, e naquel lugar correu grandes aventuras.
 —Este carreiro parece interesante —dixo unha nena —Non podo imaxinar o que hai á volta do recodo. Por iso, partiu noutra dirección e pronto se atopou nunha nave espacial, vendo como o sistema solar se facía máis pequeno, a medida que a nave avanzaba cara ao centro da galaxia.
 —Eu quero atopar unha espada máxica coa que vencer ao xigante malvado que nos tivo tanto tempo prisioneiros— exclamou un neno.
 —Eu tamén —e ambos tomaron outro carreiro, pensando dar batalla ao malvado xigante.
 —Gustaríame ver o mundo enteiro, coñecer todos os países e todos os seus pobos, escoitar os seus idiomas e xogar cos seus nenos.
 —E eu necesito saber como funciona o mundo. Por que caen as follas ao chan mentres que as estrelas permanecen no ceo. Quero sabelo todo.
 Pronto se foran todos os nenos, excepto unha nena pequena. Mirou ao redor do claro soleado e aos diferentes carreiros, uns agora explorados e outros, esperando que alguén atope o que se oculta detrás dos seus recodos. Puxo a súa man sobre a suave cortiza dunha árbore, dicindo en voz alta:
 —Este lugar é máxico. Desexo saber como se chama. E o claro do bosque contestoulle:
 —O meu nome é Biblioteca.
Mónica Hughes


DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS

O Día da Biblioteca celébrase en España desde 1997, auspiciado pola Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte; en lembranza da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

Neste Día da Biblioteca reivindícase o papel desta institución cultural básica e imprescindible, espazo de socialización e de intercambio de ideas que busca facilitar o acceso á información e ó coñecemento sen exclusións. 

19/6/13

Cantando con Susa Herrera!!!

Fai uns días estivo Susa Herrera con nós aquí en Xinzo. Pasámolo xenial. Se queredes ver como foi, deixámosvos esta pequena presentación e se preferides cantar "Gorila", vede o vídeo insertado abaixo. É unha das nosas cancións preferidas!!!
Agradecemos a profe Ana a súa colaboración para poder realizar esta actividade.

lendo na charca dos libros...

Parabéns a Irene, Sara, Omayma, Kevin, Nerea, Iago, Ariana, Elba e Noelia por acompañarme nesta aventura da lectura durante todo este curso escolar. Agardo por vós o vindeiro setembro. Unha aperta!!!
A ra Papacontos.

7/6/13

o Limia e os animais da Lagoa

A continuación tendes unha pequena presentación dos traballos realizados polas nenas e nenos de Educación Infantil e as alumnas e alumnos de 5º A e B. Estes traballos permitíronlle coñecer mellor o seu entorno máis próximo, o lugar onde viven e do que se sinten tan orgullos@s. Estas actividades están enlazadas co proxecto documental integrado (PDI) que compartimos este curso na nosa escola. Esperamos que vos guste! 


OS ANIMAIS DA LAGOA E O LIMIA on PhotoPeach

A Limia vista por Alba Garrido e Álex Cabido...

Este é o traballo que presentou Alba Garrido da clase de 2º A para o concurso "Que é para ti a Limia?", no apartado de plástica e foi premiado nas Letras Galegas deste ano. Parabéns Alba! Un traballo xenial!




Este é o traballo gañador no apartado literario. O gañador foi Álex Cabido da clase de 5º A. Parabéns!

25/5/13

o abraço ao río Limia

Os ríos unen xentes, culturas, pobos... As nenas e nenos da nosa escola compartiron dúas xornadas de convivencia con alumnas e alumnos de Ponte da Limia, xornadas encamiñadas a potenciar as relacións entre estes dous pobos, irmandados dende fai máis de 25 anos. Viron o nacemento do río, preto de Xinzo, exploraron o seu curso, visitaron os lugares por onde pasa, xantaron xuntos, cantaron, bailaron, representaron... unha chea de actividades. O III abraço ao Limia tivo lugar en Ponte da Lima, no mes de Outubro. Unha pequena mostra do  IV abraço ao Limia, neste mes de maio en Xinzo, é a presentación de fotos que tendes aquí. 

o abraço ao río Limia on PhotoPeach

23/5/13

sesión de cinema na Casa da Cultura


Co gallo das Letras Galegas organizamos na nosa escola un ciclo de cinema "Ollando en galego". A pasada semana adicámola ás curtas, nesta estamos a proxectar longametraxe. Onte as alumnas e alumnos de 4º, 5º e 6º viron "O Apóstolo" na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, falaron co director da película, Fernando Cortizo, e puideron ver e tocar a algúns dos personaxes. Aquí os tendes!!!

17/5/13

nas letras galegas... poemas da Limia

Aquí tendes o traballo realizado por toda a comunidade escolar: pais, alumnos, administrativos... Esperamos que vos axude a coñecer de preto a Limia, o seu río e aos seus poetas, os que están e os que nos deixaron. Nós, dende o CEIP Rosalía de Castro, descubrimos cada día algo novo da nosa terra e da nosa lingua.


 

15/5/13

O APÓSTOLO

O vindeiro mércores 22 de maio, no ciclo de cinema "Ollando en galego" (Letras Galegas, 2013), veremos a longametraxe "O APÓSTOLO". Falaremos co seu director Fernando Cortizo e poderemos escoitar como foi a rodaxe, e aprender moito sobre o cinema. Se queredes saber algo máis sobre o filme, premede sobre o logo da película e accederedes á súa web oficial.

12/5/13

Ollando en galego... ciclo de cinema

Estas son as curtas que presentaremos na semana do 13 ao 16 de maio:"As caras de Rosalía",elixida por ser a primeira autora homenaxeada no ano 1963 nas Letras Galegas" e elaborada polo Equipo Dinamizador do CEIP Rosalía de Castro; presentación sobre Roberto Vidal Bolaño, o autor, director e actor homenaxeado este ano (elaborada polo CEIP Pedrouzos de Brión); "A apócema máxica", curta ideada e gravada na nosa escola o pasado ano e interpretada por tres exalumnas do colexio, "A escola das areas" e "Alistán, o demo oveiro", curtas de animación elixidas polas mestras dos distintos ciclos e, por último, "Os Bolechas", curtas baseadas nos contos de Pepe Carreiro, elixidas polos nosos alumn@s de E. Infantil.

 Para a semana do 21 ao 24 de maio, eliximos as seguintes longametraxes:  "A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol",para @s rapaces dende 1º a 3º ; os de 4º, 5º e 6º verán "O Apóstolo" na casa da Cultura de Xinzo e terán unha charla co seu director, Fernando Cortizo, e os de E.Infantil, continuarán coa proxección dos seus preferidos, "Os Bolechas". Esperamos que disfrutedes con esta actividade. Agradecemos a CRTVG a súa inestimable colaboración á hora do empréstito de parte do material e ao Concello de Xinzo por permitirnos o uso do salón de actos da Casa da Cultura para a proxección de "O Apóstolo". 

Agradecemos a profe Maite o seu esforzo e axuda na preparación deste Ciclo e a súa colaboración durante  o tempo que se desenvolveu a actividade.



Premede na fotografía para poder acceder ao vídeo sobre a vida de Roberto Vidal Bolaño elaborado polo CEIP Pedrouzos de Brión

10/5/13

Ollando en galego

Este ano, co gallo das Letras Galegas, propoñemos unha nova actividade no noso cole: cinefórum. A vindeira semana é a semana das curtas e a seguinte proxectaremos algunhas longametraxes. Aquí tendes os carteis que as anuncian e os horarios:





8/5/13

...máis recursos para celebrar as Letras Galegas no 2013








Dende a BE do CEIP Rosalía de Castro queremos compartir con vós a seguinte ligazón, onde poderedes acceder a recursos para poder traballar nas aulas as Letras Galegas. Tamén os podedes ver premendo na imaxe da esquerda que representa a Roberto Vidal Bolaño, autor e actor homenaxeado iste ano. 



5/5/13

música na Limia...

E como vos gustou tanto a música do vídeo "Lembranzas do Certame Escolar Carlos Casares", aquí tendes a interpretación en vivo de Arcadio e Jorge, tal e como foi, o 15 de xuño do 2012 no Concerto de fin de curso do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia.


2/5/13

recursos letras galegas 2013





O blogue das Bibliotecas Escolares de Galicia vai actualizando día a día toda unha chea de recursos para poder traballar as Letras Galegas nas escolas. Podedes acceder a eles premendo na imaxe do autor homenaxeado iste ano, Roberto Vidal Bolaño.

1/5/13

lembranza do Certame Escolar Carlos Casares na Limia, curso 2011/12

Con motivo da conmemoración do décimo aniversario do pasamento de Carlos Casares, foi convocado un concurso de creación plástica e literaria, no que varios nen@s do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, foron premiados. O concurso estaba destinado a todos os escolares da zona e promovido conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Adobiámolo vídeo con música interpretada polos alumn@s do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia no  seu concerto de fin de curso.


As caras de Rosalía

Comezamos o mes das Letras Galegas. Dende  a BE de Xinzo de Limia, facemos unha pequena homenaxe á primeira persoa a que se lle adicaron as Letras Galegas, alá polo ano 1963. Pescudamos na rede e atopamos as distintas facianas que nos amosan a Rosalía de Castro e atopamos tamén a música xenial dun rapaz  que rapea á  escritora, KadiGB.



26/4/13

abril e os libros

Ao longo desta semana, especialmente o martes 23, na escola Rosalía de Castro realizamos diversas actividades relacionadas co DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO.
Na hora de formación de usuari@s, cada unha das mestras do equipo  prepararon  distintos traballos: de información e documentación, de animación lectora...
Na hora de ler, os nos@s axudantes levaron un pequeno agasallo literario por todas as clases. 
Tamén continuamos a traballar no proxecto que comezamos o ano pasado, que consiste en dar nomes de personaxes literarios ás nosas clases. Este curso, ao longo desta semana, elaboramos pequenos traballos de investigación para saber como se chaman as distintas aulas do colexio e por que foi elixido o nome. A profe Mari, durante o tempo de lecer, agasallou aos nen@s que respostaban ben as cuestións relacionadas con estes traballos.
Os pais e as nais dos nosos alumnos e alumnas poden disfrutar, a partir deste mes de abril e ata final de curso, do seu "recuncho lector" á entrada do edificio administrativo.







19/4/13

23 de abril, día do libro


Co gallo do Día Mundial do Libro 2013, a escritora, narradora, actriz e directora teatral, Paula Carballeira, agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia cun texto que  que comeza así: 

Non sei que facer. 
Miña irmá regaloume un libro. 
Un libro.
Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este. 
Un libro
Por que?
Que lle fixen eu?

11/4/13

"O PRINCIPIÑO" estivo de aniversario!!!


O 6 de abril cumpriu 70 anos!!! Esta novela do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry, está traducida a 180 linguas e a versión galega do libro foi realizada por Carlos Casares. Lembrade que esta obra forma parte do itinerario lector do noso cole.

10/4/13

Os alumnos de 5º A e B investigan sobre o río Limia

Os alumnos/as de 5º A e B están recollendo información sobre o río Limia. A súa investigación forma parte do Proxecto Documental Integrado no que estamos a traballar na nosa escola: "Coñecemos a Limia". A continuación podedes visualizar o seu guión de traballo:

9/4/13

LETRAS GALEGAS 2013

Comezamos este trimestre traballando nas distintas actividades en prol da Semana das Letras Galegas que o noso Centro celebra todos os anos. Como de costume, pedimos e agradecemos a vosa colaboración nas distintas actividades que plantexamos. Unha delas é o concurso literario e plástico, que nos anos anteriores tamén viñamos organizando. A continuación tendes toda a información:

Outra das actividades a realizar nesta semana é a organización dunha exposición de fotografías antigas sobre a Limia


2/4/13

poesía...


 "El viaje definitivo" de Juan R. Jiménez (preme na imaxe para velo e escoita)
  

1/4/13

ABRIL, MES DOS LIBROS

        Como xa sabedes, o 2 de Abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil . Conmemórase dende o ano 1967, para lembrar o  nacemento do escritor Hans Christian Andersen.  Cada ano a IBBY (Organización Internacional para el Libro Juvenil, por las siglas inglesas de International Board on Books for Young People), encárgalle unha imaxe e un texto a autores de diferentes países. Nesta ocasión a autora do texto é a mexicana Pat Mora e o ilustrador do cartel da esquerda é o estadounidense Ashley Bryan. Podedes ler o texto en cinco idiomas se premedes no cartel.
  Conmemórase tamén o Día Internacional do Libro o 23 de Abril. Se premedes na imaxe da dereita accederedes a recursos para celebrar este día, recopilados polo Equipo de Biblioteca do CEIP Mestres Goldar.

24/3/13

LEMBRANZAS DA LAGOA DE ANTELA

O xoves 21 de marzo estiveron no noso cole a Sra Manuela de Cortegada, o Sr Manuel de Folgoso e o Sr Ramón de Xinzo. Estivemos encantados de escoitar en boca deles as lembranzas sobre a Lagoa de Antela, como era antes de ser desecada. Tiñamos unha chea de preguntas que facerlle... e respondéronnos a todas. Moitas grazas por vir.

20/3/13

21 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA 2013

Presentamos unha selección de poemas sobre a Limia, o seu río, as súas xentes... que, recopilamos para celebrar neste curso escolar, o Día Internacional da Poesía. O Venres 22, temos reservada unha pequena sorpresa para a conmemoración desta data.

12/3/13

21 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA POESÍA






O vindeiro 21 de marzo celebramos o día mundial da poesía, o comezo da primavera e o día internacional da árborePremede nas dúas imaxes da esquerda e atoparedes unha chea de recursos para celebrar o DÍA DA POESÍA. Grazas aos compañeiros e compañeiras dos CEIP Outeiro das Penas e Mestres Goldar por compartilos.


21/2/13

MÁIS SOBRE ROSALÍA

Podedes consultar tamén esta interesante presentación Prezzi que comparte Raioteca, a BE do CEIP Andrade de Pontedeume. Premede na imaxe inferior.


O ENTROIDO NO ROSALÍA

Aquí tendes unhas presentacións de fotografías  coas actividades de Entroido que estivemos a facer na nosa escola: xoves de compadres e comadres, obradoiros de disfraces e desfile de entroido polas rúas do pobo galego no que máis longas son estas festas.

6/2/13

2 de FEBREIRO, DIA INTERNACIONAL DOS HUMEDAIS

Isabel e Marcos, membros da SGHN estiveron na nosa escola o venres, 1 de febreiro para presentar "A historia de Antela contada por unha cegoña", como parte dos actos de celebración do Día Internacional dos Humedais (2 de febreiro) e como parte tamén das actividades do noso Proxecto Documental deste curso. Deixámosvos unha ligazón co relatorio desta actividade na súa web e unha presentación de fotos da mesma.

24/1/13

UNHA ESCRITORA DE LIX (LITERATURA INFANTIL E XUVENIL) NA RAG (REAL ACADEMIA GALEGA)




A RAG ven de elixir a unha muller, Fina Casalderrey, mestra e escritora de libros de literatura infantil e xuvenil, como académica numeraria. Dende o CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia queremos darlle a nosa noraboa. Se premedes na imaxe de arriba, teredes acceso ao blog "Rede Lectura", compartindo libros e lecturas.

23/1/13

30 DE XANEIRO, DÍA ESCOLAR POLA PAZ E A NON VIOLENCIA

Aquí tendes a ligazón coa páxina do Seminario Galego de Educación para a PAZ con recursos e información para celebrar o 30 de Xaneiro. No noso cole cantaremos este ano a canción de Rosario "No dudaría" e colaboraremos tod@s na elaboración do conto "Chámome Paz".


NADAL 2012 NO CEIP ROSALÍA DE CASTRO EN XINZO

20/12/12

O NADAL EN XINZO

Papacontos quere compartir con vós esta guía de actividades coas que ocupar o voso tempo de lecer neste Nadal 2012 e Aninovo 2013. Disfrutade do voso tempo de lecer! Boas vacacións a todos e todas! Tamén podedes consultar a programación  na seguinte ligazón. Premede na imaxe :




19/12/12

POLO NADAL...AGASALLA UN LIBRO

Vimos de publicar o 5º boletín de Nadal, no que elaboramos unha lista con recomendacións lectoras por ciclos, propoñemos algunhas suxerencias para facer cos máis pequenos neste Nadal que está a comenzar e contamos algunhas das actividades realizadas polos nosos alumnos ao longo do primeiro trimestre e algunhas das que imos facer a partir de xaneiro.

CHARLA DO GRUPO ECOLOXISTA MEL

Comezamos coas actividades do noso PDI anual "A agua na Limia".
Fai uns días estiveron con nós dous membros do grupo ecoloxista "MEL" (Movemento Ecoloxista da Limia). Impartiron unha charla ao alumnado de 5º sobre "O entorno natural da zona la Lagoa de Antela". Este grupo de alumnos/as tivo a oportunidade de profundizar no coñecemento do seu entorno a través de fotografías de distintas épocas nas que se reflectía o cambio producido dende a desecación da Lagoa ata a actualidade. Ante a imposibilidade de facer un traballo de campo por mor das inclemencias do tempo, fixemos unha análise das augas do río Limia no noso centro referente ao seu PH, turbidez e cantidade de osíxeno . Procuraremos, cando o tempo o permita, facer a análise no propio río.
Todo o alumnado participante foi agasallado cunha camiseta de voluntariado. Deixáronnos carteis explicativos sobre o entorno da Limia. 
 A AUGA NA LIMIA on PhotoPeach

17/12/12

5/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO... DÍA DOCE DO DOCE DO DOUS MIL DOCE ÁS DOCE


Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, dende a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) propóñennos renderlle unha homenaxe pública cun acto colectivo de recitado público do poema "Deitado fronte ao mar" (Longa noite de pedra, 1962). O CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, o día 12 do 12 do 2012 ás 12, súmase a esta iniciativa. 


Deitado frente ao mar I from edu plastica on Vimeo.

4/12/12

INTERESANTE REVISTA PARA FAMILIAS: "OLLOS DE AULA"





A coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización lingüística ven de publicar unha interesante revista informativa para as familias do alumnado"Ollos de aula". Deixámosvos as ligazóns das tres primeiras publicacións e un enlace permanente ás que vaian aparecendo. Podedes acceder a elas premendo nas imaxes.

20/11/12

PARA O NADAL

Para que vaiades preparando esta canción no voso tempo de lecer...



9/11/12

OS CONXUROS DO SAMAÍN

Na seguinte presentación tendes unha exposición dos vosos traballos para o concurso de "conxuros do SAMAÍN".

OS CONXUROS DO SAMAÍN on PhotoPeach OS CONXUROS DO SAMAÍN on PhotoPeach

6/11/12

RECURSOS PARA TRABALLAR O MAGOSTO

Dende o CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos comparten unha chea de recursos para traballar esta festa tan nosa: receitas, libros, unidades didácticas, cancións, refráns, actividades JCLIC... Preme na castaña para poder visualizalas.


Os compañeiros e compañeiras que fan posible o blogue do Outeiro de Matilda do CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes, achégannos tamén tradicións, ilustracións, actividades LIM, reportaxes... para traballar esta data. Para velas, preme na imaxe da castañeira.




Non esquezades que o vindeiro venres, 16 de novembro, temos preparadas moitas actividades no colexio para conmemorar o magosto, ademais dun bo xantar.

SESIÓNS DE CONTACONTOS POLO SAMAÍN

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Picture slideshow personalized with Smilebox

5/11/12

A PROCURA DO COCIÑEIRO OU COCIÑEIRA DO SAMAÍN

Lembrades o concurso de "receitas monstruosas" que fixemos durante a semana do Samaín? Na seguinte presentación tendes algunhas das fotos coas larpeiradas que despois poidemos degustar todos os nenos, nenas e mestres/as da escola. Certamente aterradoras!!!


 YUMMY! YUMMY! on PhotoPeach

28/10/12

Samaín, 2012

AVISO IMPORTANTE:
Papacontos invita a todos os nenos e nenas do colexio Rosalía de Castro, durante a vindeira semana, a vir á biblioteca durante os recreos, para celebrar a semana máis terrorífica e monstruosa que poidades imaxinar...Serán tres días arrepiantes!!!

18/10/12

24 de Outubro, día das Bibliotecas Escolares

Aquí tendes a carta que enviou a vosa amiga Papacontos aos vosos mestres e mestras coas instruccións a seguir para conmemorar o vindeiro mércores, 24 de Outubro, día internacional das Bibliotecas Escolares. Animádevos a participar nesta aventura!



Open publication - Free publishing - More carta

Mirade esta preciosa curta, gañadora dos Oscar, 2012, e veredes o valor que pode ter un libro...

17/10/12

A TERRORÍFICA SEMANA DO SAMAÍN

Na última semana do mes de Outubro, o "Rosalía" convertirase nun pasadizo do medo. Para ir quentando motores, os Equipos de Dinamización convocan dous concursos, un literario e outro de cociña. Aquí tendes as bases para poder presentarvos. Lembrade que o prazo do primeiro concurso remata o 29 de Outubro e o das receitas de cociña o 30.

6/10/12

BENVIDA

 BENVIDAS e BENVIDOS á ... BIBLIOCHARCA!!! Dende o 1 de Outubro, as portas da biblioteca están abertas para tod@s neste novo curso escolar! Comezamos as actividades da biblioteca: selección e formación de axudantes para este curso, empréstitos, mochilas viaxeiras, entrega de carnés aos novos/as alumnos e profes...
Lembrade que o vindeiro 24 de Outubro, celebramos o día internacional das Bibliotecas escolares, cun agasallo que xa vos iremos contando. Coma sempre, esperamos que a biblioteca sexa un dos vosos lugares favoritos e que os libros continúen a ser os vosos mellores amigos.
 Ah! Non esquezades escribir suxestións a Papacontos no buzón que atoparedes á entrada da biblioteca.


5/7/12

PROMOCIÓN 2003-2012 FESTA DE GRADUACIÓN

graduación de primaria promoción 2003-2012 on PhotoPeach

31/5/12

INACIO, AUTOR DE FÁBULA GALÉNICA, VISITA O ROSALÍA DE CASTRO EN XINZO

Onte visitounos Inacio Vilariño, o autor lalinense de "Fábula galénica", obra gañadora do  VIII premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques no 2010, modalidade infantil, e gañador tamén no 2009 do VII Premio Barriga Verde de Textos para teatro de monicreques na modalidade de adultos coa obra Auga que non vas beber... Presentounos "Fábula galénica" obra na que homenaxea as narracións tradicionais, as radios de galena e a ciencia farmacéutica. Deixámosvos unha pequena presentación do seu paso pola nosa escola.


INACIO VILARIÑO VISITA A NOSA ESCOLA on PhotoPeach

27/5/12

ANTÍA CAL

 
Conmóveme falar dela e falar con ela, unha muller que nestes últimos meses aparece en moitos medios de comunicación, e que tivemos ocasión de escoitala na inauguración da nosa biblioteca xa fai tres anos nunha escola da Limia que ten o mesmo nome que tiña a súa escola en Vigo. Falou con enerxía, cun brillo nos ollos, que ela sempre ten,  sobre a educación, sobre a súa escola, sobre as súas lembranzas... E dende esta escola queremos enviarlle os nosos parabéns por ese premio que vai recibir no mes de xuño en Trasalba, otorgado pola Fundación Otero Pedrayo. Hoxe a xornalista Mª Xosé Porteiro en "El País" escribiu un fermoso artigo que me fixo recordala.

24/5/12

LEMBRANDO A CASARES A TRAVÉS DOS SEUS CONTOS

LEMBRANDO A CASARES (alumn@s do CEIP Rosalía de Castro, Xinzo) on PhotoPeach

A LIMIA VISTA POR CARLOS CASARES

O escritor Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia dende 1992 ata 2002 na columna «Á marxe».Os nenos da nosa escola ilustraron algunhas destas columnas nas que Casares falaba da comarca limiá. Na seguinte presentación amosamos a particular visión dos nenos e nenas da escola Rosalía de Castro en Xinzo de Limia ao ler algúns dos seus escritos.


LEMBRANDO A CARLOS CASARES

Con este LIM seguimos a traballar no noso PDI deste curso e lembramos, como non, a Carlos Casares.

Os alumnos de 6º C da nosa escola prepararon unhas presentacións en power point para coñecer mellor a vida e obras deste escritor. Deixámosvos unha ligazón o seu blogue de aula para que os poidades ver.

23/5/12

18/5/12

PREMIOS CONCURSO "RECEITAS PARA A LINGUA"

Na seguinte presentación están todos os traballos premiados no concurso "Receitas para a lingua" convocado polos Equipos de Dinamización do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, tanto na modalidade plástica como na de microrrelatos. Na categoría dixital resultaron premiados os traballos de "A igrexa vella de Xinzo" de Aldara Rodríguez de 4º B e "A apócema máxica" de Ángela, Laura e Antía de 6º C. Parabéns a tod@s el@s e grazas a tod@s os participantes.


RECEITAS PARA A LINGUA PRESENTA... on PhotoPeach  

14/5/12

A APÓCEMA MÁXICA

Como adianto dos traballos presentados no concurso "Receitas para a lingua" convocado polos Equipos de Dinamización do noso cole , presentámosvos a seguinte curtametraxe que idearon tres alumnas de 6º C da nosa escola: Ángela, Laura e Antía. Nela queren lembrar cun rap ao autor homenaxeado este ano, Valentín Paz Andrade. Para elo e con moita imaxinación conseguen que unha delas, que non fala galego, consiga facelo e así poder rapear na nosa lingua nai.





Se queredes ver como foi a rodaxe, premede na seguinte presentación. Lembrar que tamén podedes velo no seu blogue de aula "A voz de 6º C"

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Slideshow personalized with Smilebox

9/5/12

VALENTÍN PAZ ANDRADE, HOME DA CULTURA GALEGA

Nas voces de Pablo Campelo e de Nerea Joga, alumn@s de 6º do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, podemos escoitar neste vídeo datos sobre a vida e obras de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.