O pasado venres 20 e sábado 21 de novembro unha representación do Equipo Dinamizador da Charca dos libros participamos en
Compostela nas VI XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA; unha
actividade de formación permanente do profesorado, organizada
conxuntamente pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a
través da Asesoría de bibliotecas escolares, e a Dirección Xeral de
Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (a través do
CAFI). Participamos preto dun milleiro de profesoras e profesores de
toda Galicia; máis de 900 pero algúns menos que en anos anteriores, que pasamos dos mil.
O programa contemplou un bo feixe de experiencias de bibliotecas
escolares galegas que funcionan como "bases de exploracións", en
alusión ao lema da campaña de bibliotecas escolares deste curso
2015/2016, así como experiencias de traballos por proxectos coordinados
por distintas bibliotecas escolares. Acudiron, Carlos Magro, Xurxo Mariño, Guadalupe Jover, Felicidad Campal, Rosa Piquín e Ana Siro , expert@s de
distintos ámbitos que nos fixeron partícipes dos seus moitos coñecementos e nos deron pistas sobre os novos retos que
debemos enfrontar as bibliotecas escolares e os centros escolares,
para facilitar a adquisición das competencias clave por parte do
alumnado, tendo nas bibliotecas escolares o gran aliado.
En breve poñeremos aquí o enlace para que aquelas persoas que queiran poidan acceder ós documentos gravados nestas xornadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario